Sin categoría

«A NOSA BANDEIRA CRUCEIRA», Por Xabier Lago Mestre.

A NOSA BANDEIRA CRUCEIRA,
Por Xabier Lago Mestre.
Un novo 14 de abril celebramos o Día da bandeira Cruceira do Bierzo. Esta enseña foi
aprobada nesa data polo Consello comarcal. Sen embargo, máis importante é que os
bercianos aceitamos amplamente esta bandeira. Había unha necesidade de acadar un
símbolo que representase a unidade territorial e social do Bierzo. Hoxe esta bandeira
está ben presente nos actos deportivos, dando visibilidade á afición berciana en
calquera cidade de España. Outro tanto acontece coas bandeiras nas manifestaciois
reivindicativas, coa publicidade comercial, coa marca turística berciana, etc. Noutras
ocasiois vemos bandeiras pegadas nos sinais de tráfico, tapando os leones, ou
anónimas pegatinas en papeleiras e contedores de lixo. E por mor da internet a
Cruceira está ben publicitada en todo o mundo. Incluso a venda eletrónica china
difunde a bandeira en gorras, camisolas, mochilas ou toallas.
Cómpre facer un chisco de historia sobre as bandeiras bercianas. Así
recordamos que as localidades rurais conservan os seus pendois que amosan con
orgullo nas súas festas e romarías. Os templarios asentados no Bierzo tiveron as súas
enseñas coa famosa Tau. Pola súa banda, a alta nobreza amosou os seus escudos
(condes de Lemos e de Bembibre, marqueses de Vilafranca, etc). Como imitación a
pequeña nobreza fixo algo semellante cos seus escudos e bandeiras que presidían os
seus sepulcros nas igrexas. Escudos tamén tiveron os mosteiros bercianos (Carracedo,
Espiñareda, Montes, Colexiata…). Os grandes concellos (Ponferrada, Vilafranca e
Bembibre) conservan os seus escudos en bandeiras. E as súas milicias concellís
partían ás guerras baixo bandeiras portadas por alferes.
Facemos unha mención especial a Ponferrada porque nesta vila houbo
celebraciois especiais con bandeiras. Durante a Idade moderna tiña lugar un
acontecemento institucional e popular que coincidía coas coroaciois dos novos reis de
España. O reximento ponferradino facía un desfile coa bandeira real e local que
portaba o alférez (por privilexio), desde a praza do mercado ou igrexa maior até a
praza do concello. Eiquí recibía a bandeira o correxidor real, onde tiña lugar o
xuramento de homenaxe e lealdade ao novo rei por parte do reximento e maila
veciñanza con berros compatidos.
No tema das bandeiras non podemos olvidar o acontecido na guerra contra os
napoleónicos. A resistencia comarcal, caso dos Tiradores do Bierzo, tivo coma
bandeira o chamado pendón de Lanzas de Ponferrada (coa aspa colorada de Borgoña).
Esta bandeira antiga ten a imaxe da Virxe da Encina, co lema “que en la villa de
Ponferrada venera por su patrona la provincia del Bierzo”. Incluso o romance de
María Manuela nos recorda que “sacaré el Pendón de lanzas con la cruz de san Andrés
en los bordes estampada (…)”. Todo indica a forte identificación social coa antiga
enseña berciana.
Durante a existencia da provincia de Vilafranca non houbo tempo de fixar a
bandeira berciana. Por iso tivemos de agardar á chegada da democracia para desfrutar
do resurxir da conciencia bercianista. Co futbol as bancadas luciron a bandeira
branquiazul e o bercianismo político tamén utilizou esta enseña. De xeito oficial e
institucional houbo o acordo político de consenso coa actual bandeira Cruceira,
mestura da branquiazul e da histórica, aspada branquicolorada.

Como xa comentamos e vemos abraia a popularidade acadada pola bandeira
Cruceira. Esta enseña berciana compite en maioritaria presencia coas bandeiras
foráneas (autonómica de Castilla e León ou provincial leonesa) e tamén con calqueira
das locais (municipais e pedáneas). Son muitos os leonesesistas que non ven ben este
grande desenvolvemento da Cruceira porque compite coa súa leonina, así coñecida no
Bierzo. Ben demostrado queda isto nos derbis entre cultural e ponferradina. Desde
León alegan a antiguidade da súa bandeira. O certo é que ese simbólico león non ten
nada de orixinal pois está presente en multitude de bandeiras de rexiois e ciudades
europeas. Ademais, aínda hoxe hai desacordo sobre cal é a verdadeira bandeira
leonesa, polas desputas entre fondos (¿branco, colorado ou purpurado?) ou sobre os
leones (¿bípedo ou cuadrúpedo?). Así pois, o seu deseño unificado vai para longo
prazo, mentres no Bierzo témolo clarexo coa Cruceira.
Como temos visto hai moitas bandeiras nos diversos ámbitos territoriais. Agora
ben, apesar do esforzo institucional por popularizalas, o certo é que só as máis
sentidas son compatidas polas comunidades e territorios. Grazas a elas socializamos
mellor os individuos nun destino incerto e asumimos noso pasado común. Velaí que
unhas bandeiras só teñan presenza nos altos balcois dos edificios públicos, mais
xamais pisan as rúas. As bandeiras Cruceiras son portadas pola veciñanza anónima
que as sente coma propias, por iso medra o seu uso popular acotío. Do corazón saen as
coplas satíricas, “O Bierzo cruceiro, león cazurreiro”, ou as líricas poesías, “Bandeira
tricolor. Cruceira o cruzada, identidad y amor, euforia desatada. Azul del Sil mío, roja,
de San Andrés, la cruz (…)” (Pedro López Pérez, AF2).
O Bierzo, abril de 2024

Categorías:Sin categoría

Deja un comentario