Sin categoría

«AS RELACIOIS LINGÜÍSTICAS DE PODER» por Xabier Lago Mestre.

AS RELACIOIS LINGÜÍSTICAS DE PODER,
Por Xabier Lago Mestre.
Todos estamos baixo a influenza das variadas relaciois de poder, sexan políticas, económicas,
culturais, relixiosas, etc. Por suposto, as linguas, coma principal medio de comunicación
humana, non quedan fóra do influxo dos diversos poderes. Podemos ter unha lingua materna
mais podes verte obrigado a non falala por presiois foráneas. Os bercianos galegofalantes
tiveron que falar castelao para comunicarse cos novos oficiais da Coroa, chegados de Castela, a
fines do século XV trala derrota do conde de Lemos. Hoxe hai que saber o idioma inglés para
ter aceso á información internacional, ou a meirande parte de internet. Podemos dicir que hai
unha xerarquización lingüística a nivel mundial segundo o número de falantes, casos do inglés,
chines, indi, español, etc.
As grandes maiorías lingüísticas fixan as condiciois de comunicación, e as minorías
culturais teñen grandes dificultades para existiren cando non se recoñecen os seus dereitos
lingüísticos. Este é o caso do galego do Bierzo. Resulta que uns políticos que gobernan dende
Valladolid condicionan a existencia dos galegofalantes do Bierzo. Por suposto aqueles non
recoñecen os nosos dereitos lingüísticos na Comunidade autónoma de Castela e León. Isto é
unha ultraxe porque os cidadaos de Galicia sí teñen dereitos bilingües, mentres que os
bercianos que falamos o mesmo galego, non. Para fundamentar esta diferenza de trato, os
políticos de Castela fixaron unha fronteira artificial, no porto de Pedrafita do Cebreiro, que
afasta unha mesma comunidade lingüística histórica.
En que cabeza cabe que o noso galego, que ten recoñecemento expreso no Estatuto
de Castela e León (art. 5.3), siga sen falantes con dereitos lingüísticos, individuais e coletivos.
Si, podemos estudar galego no Bierzo nos centros escolares, agora ben, que pasa co uso
administrativo no Consello comarcal, concellos e pedanías. Por suposto, non se pode utilizar o
galego nas Cortes autonómicas, nin na Deputación de León, nin no campus universitario de
Ponferrada. Eiquí hai muitos vetos ao galego do Bierzo. Xa se sabe, a mayoría política castelá
manda e pasa da defensa e fomento do galego. O contido da Carta europea de linguas
rexionais e minoritarias é incumprido, ano tras ano, polos políticos castelaos.
Pola outra banda, recordamos cando o leonesismo ataca calquera iniciativa berciana a
prol do galego (ensino, bilingüismo, rotulación toponímica, etc). O relato político leonesista
non para de acusar de invasión galeguista, imposición normativa, destrución das falas
leonesas, etc. Curioso que muitos leoneses que atacan o galego, non falan para nada o leonés,
trátase máis ben de defender a unidade territorial da súa provincia que consideran ameazada
polos chamados foráneos galeguistas. Por suposto, nesta división das minorías veciñas sae
beneficiada a maioría castelá que pasa da resolución desta problemática lingüística. Así non
hai interese político de aprobar nas Cortes rexionais a necesaria Lei de linguas de Castela e
León.
Ademais de políticos e leonesistas antigalegos existen inteletuais que se resisten á
promoción do galego do Bierzo. Este é o caso de certos investigadores que pescudan nas
culturas rurais. Sabemos dos estudos da etnógrafa Concha Casado sobre a Cabreira e o filólogo
Valentín García Yebra sobre Ancares. Pois ben, eses persoeiros non querían que se alterase o
seu obxeto de estudo, as falas locais. Polo tanto vían un perigo os intentos de normalizar e
normativizar as linguas rexionais, por iso provocan esas forzadas divisiois locais en falas,
variantes, dialetos, etc.

Os galegofalantes do Bierzo temos que luitar acotío contra dos que din que eiquí non
hai unidade. Todo é valido para dividir, por iso existe o seu dialeto berciano, tamén ese
galegoleonés, ademáis dos valegos (ancarés, fornelo e cabreirés), e incluso as falas máis locais,
bañes (A Baña) e torenés. E para outros, todo está tan mesturado sen xeito que hai que
denominalo chapurreao e punto final. Ante estes intentos de confusión xeral, hai que engadir
a concienciación lingüística fundamental. Os galegofalantes sabemos ben o que dicimos, o
idioma galego. Que somos nosoutros, os bercianos, os que temos que denominar a nosa
lingua, e non os políticos, filólogos ou inteletuais foráneos á nosa realidade cultural. Porque
falamos o que nos peta e como nos dá a gana.
Finalmente sentenciamos que as grandes linguas teñen evolucionado sempre. Un
exemplo, Miguel de Cervantes podería entender o idioma español de hoxe? Apostamos a que
non. Resulta igual o inglés de Inglaterra que o da India? Cantas diferenzas hai entre o castelao
de Castela e o español de Hispanoamérica?. Estas grandes linguas están normativizadas e
normalizadas coa axuda dos grandes poderes políticos, económicos e culturais que procuran
acadar as unificaciois actuais. Sen embargo o galego do Bierzo é criticado por pretender
vincallos lingüísticos con Galicia e Portugal, cos cales compartimos idioma histórico común.
Todo é válido para dividir as minorías lingüísticas que son cualificadas de perigosas para as
maiorías culturais.

O Bierzo, xaneiro de 2025

Categorías:Sin categoría

Deja un comentario